lunes, 13 de enero de 2014

O PP de Ordes considera "excesivo" o custe do novo reloxo da Casa do Concello

Martínez Sanjurjo: "Destinar máis de 21.000 euros á reinstalación dun reloxo revela cales son as verdadeiras prioridades de Manuel Regos"

"A factura semella propia do reloxo da Porta do Sol de Madrid", denuncian os populares

O Partido Popular de Ordes informou o pasado sábado de que a reinstalación do reloxo na Casa do Concello de Ordes custou 21.766,69 euros, segundo consta nunha factura aprobada pola Xunta de Goberno local. 


Para o Partido Popular de Ordes, esta suma resulta "excesiva" e constitúe o "enésimo despropósito" das obras de remodelación da Casa do Concello.

O Partido Popular de Ordes presentará no vindeiro pleno municipal diversas iniciativas para reclamar explicacións sobre este gasto, ao tempo que pedirá unha relación detallada de todos os gastos que leva efectuado o Concello para a construcción da súa nova sede e para as obras de consolidación estrutural da antiga casa consistorial.

José Luis Martínez Sanjurjo (PP).
As frases de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes
“Destinar máis de 21.000 euros á reinstalación dun reloxo revela cales son as verdadeiras prioridades de Regos, que pese á intensa crise do momento prefire desatender servizos básicos e destinar sumas impropias para estes tempos a financiar medidas que se poderían financiar con orzamentos moito máis axustados”

“A factura da reinstalación do reloxo do Concello de Ordes semella propia do reloxo da Porta do Sol de Madrid e non dunha vila con serias carencias en todos os ámbitos, co agravante de que o novo mecanismo non permite ollar a hora correctamente durante boa parte do día, xa que tanto os números como as agullas resultan case invisibles durante as franxas diúrnas de maior intensidade lumínica”