De esq. a. der. Manuel Regos, Paloma Rodríguez, Xesús Pedreira e Manuel Viqueira. |
Xesús Pedreira: "Levamos anos reclamando melloras pero son sistematicamente rexeitadas tanto pola Xunta de Galicia como polo Goberno Central, ambos do PP"
A deputada socialista no Congreso Paloma Rodríguez
vén de realizar unha visita ao Museo do Traxe Juanjo Liñares de
Ordes para “salientar a importancia deste museo como parte substancial do patrimonio de Galicia e como un punto de confluencia de culturas", ao
tempo que cualifica de “imperdoable” o abandono do museo por parte dos Gobernos
autonómico e central do Partido Popular.
Rodríguez estivo
acompañada na súa visita polo alcalde, Manuel Regos; polo
secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira; e polo director do
museo, Manuel Viqueira.
Rodríguez destaca "o gran potencial de
proxección turística, cultural e económica do museo", polo que vén de
rexistrar unha iniciativa parlamentaria instando ao Goberno a "prestar
apoio ao mantemento e conservación do museo e ao impulso das actividades
permanentes e esporádicas que desenvolve".
Denuncia así mesmo que "xa
temos presentada unha emenda aos Orzamentos 2014 neste senso, que foi rexeitada
polo PP amosando un desprezo total polo noso patrimonio e un interese nulo pola
cultura" e engade que "é unha honra contar no corazón de Galicia co
maior museo de España dedicado a esta temática.
Pola súa banda, Xesús Pedreira agradeceu a visita
de Rodríguez e lembrou que os socialistas ordenses levan varios anos
reclamando melloras para o museo ordense pero que foron sistematicamente
rexeitadas tanto pola Xunta de Galicia como polo Goberno Central.
A última foi
presentada en novembro do ano pasado por mor dos problemas de humidades que
sufre o museo e que fan necesarios un investimento de 50.000 euros para
solucionalos e reformar o soto do inmoble, utilizado como pequeno almacén.