jueves, 16 de enero de 2014

O PP de Ordes denuncia que dous tractores de titularidade municipal levan anos "fora de servizo"

Martínez Sanjurjo: "Dous tractores traballando todo o ano poderían manter perfectamente limpas todas as pistas de Ordes"

O Concello destina 120.000 euros ao ano a externalizar a limpeza de cunetas

O Partido Popular de Ordes denunciou onte que os dous tractores de titularidade municipal, equipados con desbrozadora, levan varios anos fóra de servizo e estacionados nunha nave particular. 

Os populares aseguran que esto sucede mentres o Concello de Ordes opta por externalizar as tarefas de limpeza de cunetas, adxudicando os traballos a unha empresa privada.

Segundo o PP local, esta situación provoca que moitos tramos da rede viaria municipal, especialmente as pistas de concentración parcelaria, queden sen desbrozar, co conseguinte deterioro e o incremento do risco de incendios na época estival.

Destino dos 120.000 euros 
Para poñer fin a esta situación, o Partido Popular proporá nun próximo pleno que o Concello reoriente o destino final dos 120.000 euros que dedica cada ano a contratar cunha empresa privada o desbroce de cunetas.

Entende o Partido Popular que destinando eses 120.000 euros anuais ao mantemento dos tractores municipais e operando esas máquinas con traballadores do Concello se podería multiplicar a superficie desbrozada durante cada exercicio. 

Martínez Sanjurjo (PP). 
A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes

“Dous tractores traballando todo o ano poderían manter perfectamente limpas todas as pistas do Concello de Ordes, a diferenza do que acontece a día de hoxe, no que atopamos camiños practicamente intransitables, tanto polo mal estado do firme, como polo falta de limpeza das súas marxes”

*