viernes, 24 de enero de 2014

O PSOE reclama un protocolo de actuacións ante os cortes de luz


Xesús Pedreira: "Non é de recibo que cada vez que se produza teñamos que instar ao Concello a que tramite as reclamacións diante de Gas Natural-Unión Fenosa ou da Xunta de Galicia"

O PSOE de Ordes presentará unha moción na sesión plenaria do vindeiro 30 de xaneiro para esixirlle ao Concello de Ordes a elaboración dun protocolo de actuación diante dos cortes do subministro eléctrico que se producen no municipio cada vez que empeora o tempo e que tivo o seu cumio na cicloxénese explosiva do pasado 23 de decembro. 

Os socialistas consideran que ese episodio demostra “a necesidade que ten un Concello como o de Ordes de ter un protocolo de actuación definido á hora de atender e encabezar as xustas reclamacións dos seus veciños”, sinala Xesús Pedreira, secretario xeral dos socialistas de Ordes.

Os socialistas ordenses entenden que, a maiores, o Concello de Ordes debe informar e asesorar aos veciños e veciñas que sufriron algún dano por mor do corte do subministro ou pola subida da tensión cando se restablece o servizo. 

“Deste xeito non ralentizariamos todo o procedemento, como acontece na actualidade”, conclúe o voceiro dos socialistas ordenses

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, voceiro municipal do PSOE de Ordes
“Non é de recibo que cada vez que se produce un caso semellante teñamos que instar ao Concello de Ordes a que actúe e tramite as reclamacións dos veciños diante de Gas Natural-Unión Fenosa ou da Xunta de Galicia"

"Entendemos que iso é algo que ten que quedar establecido como un protocolo de actuación, cunhas follas de reclamacións dispoñibles para a veciñanza”

“Tal e como durante a pasada lexislatura o Concello de Ordes se puxo á fronte das reclamacións de veciños, comerciantes e empresarios polos microcortes de luz que se producían no municipio, agora debe tomar tamén a decisión de encabezar as xustas reclamacións dos seus veciños cada vez que se producen situacións como a da pasada Noiteboa, que cada vez son máis frecuentes”

*