viernes, 30 de julio de 2010

Xesús Pampín, cesado

.
O goberno local de Ordes desminte taxantemente as declaracións do xa ex concelleiro de Servizos Sociais sobre a débeda do Concello

O alcalde, Manuel Regos, insistiu en que a partida para as festas se reduciu a máis da metade, e se incrementou o orzamento para os servizos sociais

O goberno de Ordes quixo desmentir as declaracións realizadas polo concelleiro Xesús Pampín, tanto no pleno como nalgún medio de comunicación, en relación ao ratio de endebedamento do Concello.

Así dende o grupo de goberno explicaron que, tal e como se reflexa nos orzamentos de 2010 o estado do ratio de endebedamento do Concello de Ordes a 1 de xaneiro deste ano era do 56,32%, e a 1 de xullo de 2010, data na que se elaborou o orzamento, esta ratio era do 55,09%, cifra moito menor ao máximo legal permitido para os concellos situado no 110%, ademais de estar Ordes moi por debaixo da media da débeda dos concellos a nivel nacional.

Gastar máis en festas que en servizos sociais
Por outra banda o goberno local tamén quixo desmentir outra acusación de Pampín, que acusou ao goberno de gastar máis en festas que en servizos sociais. Así, explicaron que aos servizos sociais non só se fai referencia coas actuacións desenvolvidas dende o departamento municipal, senón que tamén forman parte dos orzamentos para servizos sociais, a aportación do Concello á Mancomunidade para prestar este tipo de servizos, unha aportación que ascende a 90.000 euros.

Aínda así a partida destinada a acción social propiamente do Concello ascende a máis de 720.000 euros, ao que hai que sumar outra serie de actuacións de carácter social e dependentes doutras concellerías como pode ser todo o relativo á discapacidade, eliminación de barreiras arquitectónicas, os programas de conciliación, ou outro tipo de axudas como as de transporte e material escolar, entre outras. Desta maneira o orzamento para servizos sociais estaría preto do millón de euros, cifra importante, superior á doutros orzamentos anteriores e moi distinta ao argumentado polo edil socialista.

Deixaría a Ordes sen festas?
Manuel Regos
preguntouse se Xesús Pampín estaría disposto a deixar á vila de Ordes sen festas, á vez que insistiu en que a partida destinada aos festexos se reduciu en máis da metade, e incluso se suprimiron algúns certames como o Festival da Canción.

En canto aos argumentos de Pampín sobre as prioridades inversoras do orzamento e a falta de medidas para paliar o desemprego, o goberno local quixo facer fincapé unha vez máis nas actuacións para o fomento do emprego que se están a levar a cabo dende o Concello. Unhas actuacións entre as que se encontran, neste momento, a realización de tres cursos dirixidos a desempregados, un de socorrista acuático, outro de atención sociosanitaria e outro sobre enerxía térmica, ao que se suma ademais o obradoiro de emprego e o traballo continuo da oficina de emprego do Concello para información e asesoramento acerca de subvencións e axudas, así como a colocación de desempregados.

Ademais fíxose tamén fincapé en que a taxa de paro cífrase neste momento en Ordes no 11,83%, moi por debaixo do 20% do conxunto do estado, producíndose un descenso do paro no mes de xuño en Ordes de 14 persoas.

"Lectura sesgada e interesada do orzamento"
Aseguraron que todas as acusacións realizadas por Pampín son unha lectura sesgada e interesada do orzamento, que pode ser debida á súa falta de experiencia como concelleiro levando tan só uns meses no cargo, o que é tempo insuficiente para comprender a política municipal e o seu financiamento. Ademais lembraron tamén que os orzamentos anteriores se aprobaron estando el como secretario xeral do seu grupo no goberno, e non houbo ningunha obxección aos mesmos.

O alcalde, Manuel Regos, ante as declaracións de Xesús Pampín, confirmou o cese do concelleiro das súas funcións como edil do grupo de goberno e do departamento de Servizos Sociais e Terceira Idade do Concello.

*