sábado, 10 de julio de 2010

Preparan unha nova edición da Feira de Cans de Caza de Ardemil

.
Terá lugar os días 7 e 8 de agosto no recinto feiral de Mesón do Vento

José Luis Gómez: "Animamos a todos os veciños e veciñas a que participen desta décimo oitava edición da feira
"

O Concello de Ordes ten previsto celebrar o próximo mes de agosto unha das súas feiras máis consolidadas, a Feira de Cans de Caza de Ardemil. Unha cita festiva no municipio que vai xa pola súa décimo oitava edición e que terá lugar os días 7 e 8 de agosto no recinto feiral de Mesón do Vento.

Campionato de rastro e caza de perdiz
En canto á primeira das xornadas, a do sábado día 7, celebrarase o VI Campionato de rastro na modalidade de xabarín. Unha proba que será puntuable para a Copa Federación e que contará con diferentes premios en metálico. Ademais o sábado tamén se celebrará a final do Campionato de caza de perdiz con can que tamén contará con diferentes premios en metálico para os mellores cazadores.

Pero o día grande da feira será o domingo 8 de agosto, cando se celebre a propiamente dita Feira de Cans de Caza de Ardemil. O Concello de Ordes entregará premios e distincións ao mellor can de raza, á mellor camada de caza maior, á mellor camada de caza menor (coello), e á mellor camada de caza menor (perdiz). Ademais haberá un obsequio dun saco de penso para todas as gaiolas participantes. Como actividades complementarias o recinto feiral de Mesón do Vento tamén acollerá unha exposición de cetrería e stands de caza e taxidermia.

Degustación gratuíta de pratos de caza
Na xornada do domingo, como boa feira que se precie, tampouco faltará a gastronomía con degustación gratuíta de caza a partir das 11 horas.

Para todos aqueles que queiran participar coas súas xaurías, as inscricións e as reservas de gaiolas deberán realizarse chamando ao teléfono 689 550728.

As frases de José Luis Gómez Candal, concelleiro de Promoción Económica, Turismo, Mercados e Exposicións de Ordes
“Esperamos que esta nova edición da Feira de Cans de Caza de Ardemil conte co mesmo éxito de edicións pasadas, esperando xa para este ano a participación de xaurías tanto a nivel galego como nacional”

"Animo a todos aqueles que estean interesados a participar nesta décimo oitava edición da feira, así como a veciños e demais persoas a que visiten o recinto feiral neses días de feira"

Foto arriba: Edición de 2009 da Feira de cans de caza de Ardemil.

*