martes, 27 de julio de 2010

Aprobados os orzamentos da "austeridade"

O orzamento destinado a investimentos é superior aos oito millóns de euro

Segundo o alcalde, a aprobación dos orzamentos permitirá pagar aos proveedores

Regos: "Nunca antes se fixeran tantas obras necesarias para os veciños de Ordes como agora"

Podes escoitar o contido da sesión plenaria a través deste enlace


O pleno do Concello de Ordes aprobou esta mañá na sesión ordinaria do mes de xullo, o orzamento municipal de 2010. Trátase dun orzamento que ascende a 16.740.047,23 euros, inferior ao de 2009, e que tal e como explicou o alcalde, Manuel Regos, se caracteriza pola súa “austeridade”. Así o primeiro edil explicou que se trata dun orzamento no que se reduce dunha maneira importante o gasto, dando maior prioridade ás partidas máis necesarias como os servizos sociais e recortando noutras como os festexos, así como tendo tamén un capítulo importante para os investimentos, superior aos oitos millóns de euros.

Pola súa banda, o BNG a través do seu portavoz Gonzalo Castro, rexeitou a votación porque, segundo ao seu entender, "non dan resposta á necesidades dos veciños en materia de servizos sociais e creación de emprego e empeorarán a situación económica do Concello". Segundo Castro, “os orzamentos municipais deben resolver o pagamento das facturas pendentes desde o ano pasado cos proveedores do concello, que ascenden a máis dun millón de euros, máis tamén garantir o pago das facturas xeneradas neste exercicio”, a este respeito, Castro manifestou que “o informe de intervención recoñece que con estes Orzamentos non se garante o pago aos proveedores do Concello polos servizos que presten durante este ano”.

Política de fomento e apoio ao emprego
Ante estas críticas dos nacionalistas, o primeiro edil quixo lembrar as políticas para o fomento e apoio ao emprego que está levando a cabo o goberno local ordense. Desta maneira enumerou diferentes iniciativas postas en marcha, como o obradoiro de emprego no que participan 26 persoas, un curso de socorrista acuático con 15 alumnos, outro curso de atención sociosanitaria con outras 15 alumnas, e outro de montaxe e mantemento de enerxía solar térmica. Todas estas iniciativas dirixidas a persoas desempregadas, “apostando pola formación e por cursos con saídas laborais na comarca e arredores, e fomentando así o emprego, non como queren facer ver dende a oposición”, explicou o alcalde.

Ademais Regos proseguiu en que a isto súmanse os programas de cooperación consistentes tamén na inserción laboral a través de convenios nos que están traballando 17 persoas, e quixo insistir en que un dato que mostra o traballo do goberno a este respecto é o descenso do paro no municipio no mes de xuño en 14 persoas, “situándose a taxa de paro en Ordes neste momento nun 11,83%, e non en porcentaxes superiores como indican dende a oposición”.

Regos tamén quixo desmentir que o seu goberno se esqueza dos servizos sociais, tal e como criticaban dende a oposición, e lembrou todos os servizos que se poñen a disposición dos veciños e veciñas de Ordes e para os que o orzamento do 2010 ten unha importante partida, como actividades para Terceira Idade, a axuda ás familias, ou o traballo que se está a realizar con diferentes colectivos dende a Oficina do Migrante, o Centro de Información á Muller, e a Oficina Integral da Discapacidade, “sendo Ordes un referente neste tipo de servizos”.

Por outra banda o alcalde, ante as acusacións que realizaron dende a oposición de despilfarro por parte do grupo de goberno explicou “creo que nunca se fixeron tantas obras necesarias para os veciños en Ordes, aí está o paseo fluvial, o tanatorio, a rolda leste, os baixos da Alameda que contarán co museo Xosé Xoxardo, sala de exposicións e un local de ensaio, ademais de importantes obras no saneamento e abastecemento de augas nas parroquias, eliminación de barreiras arquitectónicas, e demais melloras que costan cartos pero que son necesarias para mellorar o benestar dos nosos veciños e veciñas”.

Regos lamentou que os membros da oposición non apoiasen estes orzamentos acusando ao grupo de goberno de non pagar aos proveedores, sendo precisamente a aprobación dos mesmos a que permitirá facer eses pagos.

Finalmente os orzamentos foron aprobados cos votos a favor de oito edís do goberno, a abstención dun edil do PP e os votos en contra dos tres edís do BNG, tres edís do PP e o concelleiro Xesús Pampín.

Aprobación da RPT do Concello
O punto da aprobación inicial do orzamento incluía ademais a aprobación da relación de postos de traballo do Concello (RPT), cuestión pola que explicou o alcalde se tivo que chegar a un acordo cos sindicatos provocando o retraso na presentación dos orzamentos.
Esta RPT conta con 51 postos de traballo dos cales 9 serán de nova creación, correspondéndose o resto cos postos dos funcionarios e persoal laboral. Nesta cuestión, que se votou conxuntamente no mesmo punto que os orzamentos, os grupos da oposición mostraron o seu acordo.

Por outra banda tamén se aprobaron dúas propostas, unha pola que se solicitará a retirada do proxecto de lei de Augas de Galicia e que se faga un novo dacordo coa Directiva Marco da Auga, e outra en relación ao decreto do Carbón.

*