miércoles, 9 de abril de 2014

O Centro Comarcal xa é dos ordenses

Manuel Regos (der.) xunto a Alfonso Rueda e Belén do Campo, o luns en Ordes.
Regos: "Agora tócanos aos ordenses decidir o uso destas instalacións"

O alcalde insta a destinarse a oficinas da Mancomunidade

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, formalizou na mañá do pasado luns co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a cesión do Centro Comarcal de Ordes. Trátase dun inmoble de 700 metros cuadrados, pechado desde 2012, con dúas plantas e destinado á exposición e promoción dos recursos da comarca, situado na estrada N-550 no lugar das Casillas. 

O edificio foi cedido polo Concello de Ordes á Xunta de Galicia tras un acordo alcanzado en xaneiro de 1998. No pliego de condicións especificábase a obriga de reversión á administración local no caso de que variase a utilidade de ditas instalacións.

As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Agora tócanos decidir o uso destas instalacións”

“A Mancomunidade de Ordes é importante, e ten un bo funcionamento, polo tanto debe de ter unhas oficinas e unhas instalacións acordes con ela, dignas e que sexan funcionais”

*

O Concello de Ordes publica as listas do censo para as eleccións europeas

Estarán disponibles ata o 14 de abril

O Departamento de Estatística do Concello de Ordes informa que con motivo das próximas eleccións ao Parlamento Europeo que se celebrarán o 25 de maio, ata o 14 de abril exporanse ao público en soporte informático as listas do censo electoral.

Dende o departamento correspondente ínstase especialmente á consulta aos grupos que poidan verse especialmente afectados, como son os que recentemente cumpriran 18 anos ou os que cambiaron de enderezo recentemente. 

Para calquera consulta tamén se dá conta da existencia do número teléfonico gratuito: 901101900.

*

viernes, 4 de abril de 2014

Manuel Viqueira xa figura entre os grandes expertos da danza tradicional en España

A Comisión, reunida recientemente en Madrid. Manuel Viqueira, o cuarto pola esquerda, de oscuro. 
O director do Museo do Traxe de Ordes foi recentemente nomeado en Madrid secretario da Comisión da metodoloxía da danza tradicional

O actual director do Museo do Traxe Juanjo Liñares, Manuel Viqueira, foi escollido secretario da Comisión para a creación da metodoloxía da danza tradicional tras unha xuntanza levada a cabo a pasada fin de semana na Universidade Rey Juan Carlos de Madrid. 

O cometido principal para este recentemente creado grupo de traballo será o establecemento dun método de traballo homoxéneo para todas as formacións, estudosos ou persoas relacionadas coas diversas danzas tradicionais de España.

As frases de Manuel Viqueira, director do Museo do Traxe de Ordes
“Pretendemos que se poida dar a coñecer o noso legado neste eido e que todos os músicos do mundo poidan acceder e interpretar este tipo de pezas sen ningún problema" 

"Queremos establecer e unificar os criterios para unha correcta e efectiva interpretación, conservación e difusión do noso folclore”

“Juanjo Liñares foi un pioneiro xa que o seu legado inclúe unha importante documentación gráfica, visual, sonora e de apuntes propios que abordan este tema”

     
*

O PSOE insta no Parlamento a que a Xunta repare a estrada Ordes-Cerceda

Pedreira: "Os ordenses só recibimos da Xunta promesas incumpridas"

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, a instancias da Agrupación Socialista de Ordes, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento de Galicia para conseguir atopar unha solución á estrada de Mercurín e o seu progresivo deterioro. 

Os deputados socialistas Patricia Vilán Lorenzo, Raúl Fernández Fernández e Xosé A. Sánchez Bugallo presentaron sendas proposicións non de lei e unha batería de preguntas orais para seren debatidas en Pleno e Comisión.

Nos seus escritos, os socialistas lembran que a estrada que une Cerceda e Ordes por Mercurín é unha vía de comunicación fundamental para os habitantes de ambos municipios. Ademais, denuncian a inacción por parte da Xunta de Galicia durante os últimos cinco anos, nos que non foi quen de formalizar un convenio de colaboración co Concello de Ordes e co Ministerio de Industria ao abeiro do Plan Míner para arranxar esta estrada. 

Unhas obras que xa están presupostadas que que supoñen un importe de 2,8 millóns de euros para ampliar a estrada ata acadar un ancho de 10 metros, con beirarrúas de metro e medio a cada lado.

"Promesas incumpridas" da Xunta
Asemade, lembran que de maneira reiterada se fixeron varias solicitudes ante a Xunta de Galicia, sobre todo entre os anos 2011 e 2014, que só recibiron como resposta unha serie de promesas incumpridas. 

De feito, a última resposta do conselleiro de Medio Ambiente tivo lugar o 25 de marzo de 2013 e se limitou a dicir que “no actual contexto económico, non é posible destinar ningunha partida orzamentaria para mellorar a estrada”.

Xesús Pedreira (PSOE).
As frases de Xesús Pedreira, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes
“Os socialistas pretendemos que o Parlamento de Galicia inste á Xunta de Galicia a que realice as xestións necesarias para a firma do convenio do Plan Miner, comezando a execución das obras na estrada que une Cerceda e Ordes por Mercurín no prazo máis breve posible, e que a Xunta asuma a titularidade da estrada de Mercurín”

“Queremos que Sogama asuma o deterioro que está a sufrir esta estrada debido ao tráfico que soporta de camións que se dirixen diariamente ao vertedoiro de Areosa, transportando residuos sólidos urbáns”

*


Recouso: "Regos purga os seus pecados rehabilitando a escola de Villasenín para misas"

Os nacionalistas consideran que as prioridades de Ordes non pasan por habilitar novos espazos relixiosos

O Grupo Municipal do BNG de Ordes considerou onte "inaudito" que o Goberno municipal envestira 27 000 euros para a rehabilitación da antiga escola rural de Villasenín-Leira "e permitir que se celebren oficios relixiosos".

Desde o BNG  lembran “que Manuel Regos ten pendente de resolver os problemas das estrada Ordes-Cerceda, que pasa ao pe desta antiga escola, e que hai prioridades a hora de investir o diñeiro público". E estas prioridades, aseguran os nacionalistas, "non son as de habilitar novos espazos relixiosos”

Ramiro Recouso (BNG).
As frases de Ramiro Recouso, voceiro do BNG de Ordes 
“Non compartimos que Manuel Regos destine cartos públicos para rehabilitar un edificio de propiedade municipal, para destinalo a pseudo igrexa católica, permitindo oficios relixiosos no mesmo. Permitindo unha decoración ad hoc para facilitar a práctica destes ritos relixiosos”   

“O Concello de Ordes forma parte dun estado laico, no que os poderes públicos non poden facer apoloxía de ningunha relixión” 

“Non resulta estraño este comportamento por parte de Regos e do seu grupo de Goberno, dado que teñen moitos pecados que purgar, mais estes actos de penitencia teñen que ser sufragado cos seu diñeiro particular e non co de toda a cidadanía de Ordes ”

*


A Garda Civil de Ordes informou das formas de prever os roubos no rural



Segundo o equipo ROCA, resulta esencial compartir información entre os veciños de movementos extraños arredor das explotacións

Na mañá de onte tivo lugar a primeira das dúas charlas que o Equipo de Roubos no Campo (ROCA), pertencente á Garda Civil, está ofrecendo no Concello de Ordes. Trátase da primeira sesión deste tipo que se leva a cabo en toda a provincia. 

O espazo escollido para esta xuntanza foron os baixos da Alameda, onde os integrantes desta unidade ofreceron un decálogo de medidas de seguridade para os agricultores e gandeiros . 

Compartir información
Como exemplo pódese destacar a importancia de compartir información de movementos estraños arredor das explotacións, a anotación de matrículas, preparar lugares de seguridade para ferramentas e material de traballo, a comprobación de pechaduras e ou a utilización do teléfono 062 para a denuncia ou xestións relativas a roubos e substracción. 

Entre os asistentes desta mañá figuraba o concelleiro de Medio Ambiente de Ordes, Luís Gómez Candal.

*

O pazo do Bidueiro agarda pola festa dos maiores de Ordes

Será o domingo 18 de maio e o prazo para apuntarse vai do 9 de abril ao 9 de maio 

A tradicional festa dos maiores que cada ano organiza o Concello de Ordes terá lugar o vindeiro domingo 18 de maio. Novamente será o pazo do Bidueiro o punto onde se leve a cabo este animado encontro.

A cita arrancará ás 13:30 horas cunha misa nos propios xardíns do pazo, seguida dun xantar. A xornada tamén virá marcada pola música e a diversión e contará con animacións musicais.

Prazo de inscrición

Para poder asistir é necesario apuntarse previamente dende o 9 deste mes ata o 9 de maio nos baixos da Alameda. Ademais de pagar un prezo de cinco euros tamén haberá que presentar o DNI.

*