miércoles, 19 de marzo de 2014

O PSOE pide en Madrid o arranxo da avenida de Alfonso Senra

Tramo da avenida de Alfonso Senra, en Ordes, prácticamente sen beirarrúa. 
Pedreira: "Hai varios puntos da vía onde os peóns se ven obrigados a baixarse á calzada da N-550 para poder circular"

Paloma Rodríguez e Miguel Cortizo, deputados socialistas pola Coruña, rexistraron o pasado xoves no Congreso dos Deputados unha Proposición non de Lei coa que instan o Goberno a "acometer á maior brevidade os traballos necesarios para a substitución do firme da estrada nacional 550, ao seu paso pola avenida de Alfonso Senra na localidade de Ordes (A Coruña), así como á remodelación das beirarrúas que a bordean, de forma que se garanta a seguridade para o tráfico rodado e para os desprazamentos peonís".

Os deputados levan así ao Congreso unha reivindicación realizada de forma reiterada nos últimos anos polo grupo municipal socialista de Ordes e que mesmo contou co respaldo unánime do pleno municipal celebrado en maio de 2012. 

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, explica que “pretendemos recuperar a avenida de Alfonso Senra para os veciños e humanizala de tal maneira que as beirarrúas cumpran coa legalidade vixente”.

Pedreira Mirás apunta que “hai varios puntos da avenida onde os peóns se ven obrigados a baixarse á calzada da N-550 para poder circular, co perigo que iso supón para a súa seguridade. Un perigo que se incrementa no caso de que o viandante vaia en cadeira de rodas ou leve unha silla de nenos”. 

A situación é especialmente grave diante do número 143 da avenida Alfonso Senra e no tramo entre os números 122 e 133, que incumpren o establecido na Lei 1/1998, de 5 de maio, de Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e da comunicación (Artigos 9 e 10).

Insuficiencia de beirarrúas
A Proposición non de Lei sinala que "esta situación de falta de seguridade viaria se ve agravada pola insuficiencia e deficiencia de beirarrúas para os desprazamentos peonís". 

Sobre este punto, resaltan que as beirarrúas que bordean a N-550 neste tramo presentan un ancho irregular en diversos tramos, ademais de múltiples elementos de mobiliario urbano e sinalización viaria vertical que impiden o paso peonil e obriga á utilización da calzada por parte da poboación que se despraza pola zona.


Para os deputados, "este conxunto de deficiencias, tanto no firme da N-550 como nos espazos habilitados para os desprazamentos peonís, producen unha situación constante de inseguridade viaria e constitúen un forte incremento da accidentalidade" en Ordes. 

Xesús Pedreira sinala que “agardamos que a unanimidade que amosamos os grupos políticos municipais en Ordes a prol da seguridade viaria dos nosos veciños e veciñas poida repetirse tamén en Madrid”.

*

Máis de 2000 euros acadados no festival A Sementeira


Irán destinados a Cáritas Ordes

O festival benéfico A Sementeira, que tivo lugar este pasado domingo na discoteca LP45 logro recadar 2235 euros que se destinarán integramente ao proxecto A Sementeira, organizado por Cáritas Ordes en colaboración con outras organizacións sociais, entidades do ámbito agropecuario, veciños e veciñas da zona, así como o mesmo Concello de Ordes


Artistas participantes

Fredi Leis, Iria Cid, Fran Allo, Marcos Roca, Lucía Nieto, Patricia Iglesias Los Mustang Charros, os humoristas Campos e Crespo, Os Viqueiras de Ordes, a Asociación Camiño Real de Poulo, a Orquestra da Televisión e a cantante Tania Veiras foron os protagonistas dun cartel no que todos eles figuraron de maneira desinteresada, así como todos os participantes e colaboradores deste evento.


A frase de Clemente Boo, directivo de Cáritas Ordes
“Unha boa maneira de axudar animicamente ás persoas que xa levan tempo sen actividade profesional e que están sumidas nunha desidia que é necesario superar para que poidan ir cara adiante. Sobre todo tendo en conta que estamos nunha comarca de enorme potencial agropecuario, polo que este proxecto entendemos que se debe traducir nun incremento das súas  posibilidades á hora de obter algún ingreso extra

Fotos: Luis Cobas / Foto Órdenes.

*

lunes, 17 de marzo de 2014

Esta noite e mañá haberá cortes de auga en Ordes


Dende as 23:00 horas de hoxe ata as 06:00 de mañá

Espina & Delfín S.L., empresa concesionaria de abastecemento de auga do  Concello de Ordes, fixo público o corte no suministro de auga potable dende as 23:00 horas de hoxe luns ata as 06:00 horas de mañá en todo o municipio. 

Tanto o Concello de Ordes como a empresa concesionaria acordaron que dito corte se fixera en horario nocturno. O motivo deste corte provisional débese á conexión do novo depósito construído na zona de Merelle coa rede xeral de suministro. 

Para calquera consulta pódese chamar aos teléfono 981 680 611 ou 609 560 582.

*

martes, 11 de marzo de 2014

Os socialistas de Ordes homenaxearon ás vítimas do 11-M

Membros do PSOE de Ordes, esta mañá no monumento ás vítimas do 11-M.
Depositaron un ramo de flores no monumento instalado en 2005 nos parques municipais

A Agrupación Socialista de Ordes realizou esta mañá unha ofrenda floral ante o monumento ás vítimas do 11-M, situado no parque municipal Félix Rodríguez de la Fuente de Ordes. 

A comitiva, encabezada polo secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, depositou un ramo de flores diante da placa que homenaxea ás vítimas, coincidindo co décimo aniversario do maior atentado realizado en España.

Esta placa foi colocada o 11 de marzo de 2005 polo Concello de Ordes a instancias dos socialistas ordenses e a pesares das reticencias iniciais do daquela alcalde de Ordes, o popular Teodosio Martino

Sobre a pedra da placa están escritos uns versos de Uxío Novoneyra que din: 

“Porta xorda cravada que o pulo sabe!
Dente puño teso a premer valeiro!
Cando volva o vento serás ti Libertá
ou somente abalar de árbores?”


Detrás da placa figura un olivo, símbolo da paz, prantado aquel 11 de marzo de 2005 no parque municipal Félix Rodríguez de la Fuente.

*

Festival benéfico en Ordes a favor de Cáritas


O BNG presenta as súas propostas de melloras viais na vila de Ordes


Denuncian o mal estado do saneamento no cruce de Alfonso Senra cos Lagartos

O Grupo Municipal do BNG de Ordes, presentou hoxe as súas propostas para incluir no Plan DTC93 da Deputación da Coruña. Estas propostas consisten na “Renovación de servizos de saneamento e recollida de pluviais na avenida Alfonso Senra, a sustitución do enlousado para invidentes colocado nas beirarrúas de Ordes. 
  
O BNG de Ordes tamén solicita que se inclúa neste plan “a reparación dos tractores e desbrozadoras municipais, depositados actualmente nas instalacións da empresa concesionaria do servizo de desbroce das vías locais, para que poidan desenvolver as súas funcións de desbroce e limpeza dos viais municipais que se atopan nun estado de total abandono por parte do Goberno que encabeza Manuel Regos”.


A frase de Ramiro Recouso, voceiro municipal do BNG de Ordes 
“A renovación dos servizos de saneamento e recollida de pluviais na  dende o cruce da avenida de Alfonso Senra coa rúa dos Lagartos ate a saída da vila, é fundamental para evitar o rebordamentos das alcantarillas cando se producen grandes precipitacións de chuvia, que xa teñen provocado inundacións nos baixos e sotos de establecementos comerciais da principal avenida da vila”

*