miércoles, 4 de marzo de 2009

O BNG quere que o Concello se lembre das mulleres traballadoras

.
Raña: "A ameaza da redución de postos de traballo vai incidir de maneira particular sobre o emprego feminino"

O BNG de Ordes presentou unha moción para o seu debate no Pleno da Corporación Municipal con motivo da conmemoración, o 8 de marzo, do Día Internacional da Muller Traballadora. Entre os acordos propostos na moción nacionalista figura, entre outros, que o Concello adoite os seguintes compromisos:

1. Que se comprometa a traballar para a preservación do emprego feminino e contra a feminización da pobreza a través do estabelecemento de medidas de contratación específicas para as mulleres.

2. Que se garanta que todas as organizacións que reciban subsidios do Concello adopten prácticas non discriminatorias e o recollan explicitamente nos seus documentos.

3. Valorar e primar que todas as organizacións, empresas ou entidades que reciban financiamento público a través de contratas ou servizos adopten prácticas non discriminatorias e estas se recoñezan a través dun plan de igualdade específico.

4. Que se dote desde o Concello dos servizos públicos que atendan o traballo do coidado que as mulleres realizan de modo gratuíto, de xeito que se favorezan outras opcións para a vida persoal das mulleres.

As frases de María Xosé Raña, concelleira do BNG de Ordes
"As organizacións sociais comprometidas na defensa dos dereitos das mulleres, lembran cada ano para procurar marcar un paso adiante neste camiño. Tamén está presente nesta data a homenaxe ás 129 mulleres que morreron nunha fábrica téxtil dos Estados Unidos en 1908, cando estaban facendo unha folga, en defensa dos seus dereitos como traballadoras, e o empresario prendeu lume aos locais da fábrica con elas dentro"

"Nestes momentos de crise económica que está vivindo a nosa sociedade, a defensa dos dereitos laborais das mulleres faise imprescindíbel, xa que a ameaza da redución de postos de traballo vai incidir de maneira particular sobre o emprego feminino, que adoita ser un emprego marcado pola precariedade e sen a cobertura suficiente ante o desemprego, tal e como estamos a ver no sector textil de Ordes”.
*