viernes, 2 de septiembre de 2011

Ordes, un modelo a seguir na xestión da discapacidade

O presidente Regos coas concelleiras Iglesias e Marín e un grupo de docentes e discapacitados onte no Mesón do Vento.

Increméntase nun 45% o alumnado do curso de habilidades sociais para discapacitados da Mancomunidade de Ordes

O presidente Manuel Regos quere estendelo máis aló de febreiro

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Manuel Regos Boquete, inaugurou onte o novo curso de habilidades sociais para persoas con discapacidade que a entidade supramunicipal desenvolverá ata finais de febreiro de 2012 nunha aula especificamente habilitada no recinto feiral do Mesón do Vento (Ordes). Regos Boquete estivo acompañado polas concelleiras ordenses de Diversidade Funcional, Lucía Iglesias, e de Educación, Mantemento e Servizos, Silvia Marín.

O novo curso comeza cun incremento dun 45% de alumnos sobre o anterior, ao pasaren de 11 a 16. A maioría dos alumnos, en concreto 14, pertencen ao municipio de Ordes. Os outros dous proveñen dos concellos de Mesía e de Oroso. Catorce dos alumnos teñen un grao de discapacidade recoñecido do 65% ou superior, polo que teñen dereito a achegarse ás clases facendo uso do servizo de transporte adaptado do 065. Os que non fan uso deste dereito empregan medios de transporte propios.

Evitar barreiras
O presidente da Mancomunidade de Ordes destacou a importancia de que estes cursos sexan coñecidos polos familiares de persoas con discapacidade que teñen certas reservas a participar. "Ás veces é difícil que rompan esa barreira que os reclúe na casa, quizais por temor a que non sexan capaces de afrontar o curso, e esa é unha inercia que temos que cambiar entre todos", afirmou Manuel Regos. "Canto máis tempo veñan será moito mellor para eles porque se relacionan máis cos demais, e tamén para as súas familias porque dispoñen dun tempo para desconectar", engadiu.

Por eso, Regos Boquete comprometeuse a facer as xestións necesarias desde a entidade supramunicipal para conseguir o financiamento necesario para prolongar o curso ata o vindeiro verán, sen limitarse aos seis meses inicialmente previstos. "Para min é fundamental que esta iniciativa se estenda todo o ano, prefiro aprazar o asfaltado dunha pista antes que cancelar estes cursos", concluiu.

Contido das clases
As clases, dirixidas por persoal docente especializado, desenvólvense de luns a venres de 09:30 a 13:30 horas. Ofrécenlle ao alumnado diversos contidos dirixidos a potenciar a súa autonomía persoal e as súas posibilidades de socialización. Así, entre outras actividades, desenvolven obradoiros de alfabetización, de cociña, de tarefas do fogar, de hixiene persoal ou de hábitos saudables.

Ademais, os alumnos e alumnas relaciónanse co seu entorno mediante saídas puntuais e visitas ao colexio do Mesón do Vento, que os escolares do centro lles devolven durante o curso.

*