martes, 28 de septiembre de 2010

Díaz Hermida abandoa o grupo municipal popular

A renuncia tivo lugar a través da lectura durante o pleno municipal desta mañá dun escrito do concelleiro ex socialista, ex popular e agora na bancada dos non adscritos


Regos: "Amortizaremos 300.000 euros de débeda este ano, e o seguinte, máis"


O BNG propón que o investimento para a nova casa do concello se destine á creación de emprego

A corporación municipal do Concello de Ordes reuniuse esta mañá para a celebración do pleno ordinario do mes de setembro. Unha sesión na que se aprobou a conta xeral do exercizo de 2009. Neste punto, e ante as críticas dos grupos da oposición sobre a débeda do Concello, o alcalde Manuel Regos, quixo aclarar que “a débeda viva do concello ímola reducir. Amortizaremos 300.000 euros de débeda este ano e o ano que vén moito máis. Son momentos de apretarse o cinto e farémolo garantizando que se reducirá a débeda. Cando as inversións están ben feitas redundan no beneficio dos veciños e veciñas de Ordes, na mellora da súa calidade de vida e dos servizos que se lles ofrecen, e iso é o que estamos a facer. Estamos investindo en cada veciño de Ordes 965 euros”.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade, a inclusión das obras na rúa República Arxentina no Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación (PCC 2008- 2011), para a anualidade de 2011, punto que contou co apoio de todos os grupos da corporación municipal.


Delegación de competencias de tráfico
Tamén se aprobou cos votos a favor de todos os concelleiros da Corporación, a excepción dos tres edís do BNG que votaron en contra, a delegación de competencias á Deputación da Coruña, para a instrucción de expedientes sancionadores por infracción das normas de tráfico, unha cuestión que tal e como explicou o alcalde, xa teñen delegada 83 concellos dos 94 da provincia e que beneficiará ao Concello facilitando o proceso.


Durante a sesión plenaria o secretario do Concello informou tamén da presentación dun escrito por parte do concelleiro, ata o momento do PP, José Luis Díaz Hermida polo que abandona o grupo político do Partido Popular pasando a formar parte do grupo dos non adscritos.


Mocións dos nacionalistas
En canto ás mocións, o grupo do BNG presentou tres. Unha na que se solicitaba o apoio da corporación Municipal á folga xeral que terá lugar mañá, e da que non se aprobou a súa urxencia, e tal e como explicou o tenente de alcalde, Xesús Pedreira, “cada un é libre de ir ou non á folga e consideramos que son os veciños e veciñas de Ordes os que deben decidir”.


Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, xustificou a presentación desta moción manifestando que “a actual reforma laboral, que aumenta a flexibilidade no despedimento atrasará a saída da crise e fará recaer sobre a clase traballadora as súas consecuencias máis dramáticas, supoñendo un recorte nos dereitos dos traballadores e traballadoras”.


Outra das mocións solicitaba a creación dunha comisión formada por colectivos e axentes sociais do municipio para a organización das festas patronais, cuestión que tampouco contou co respaldo da Corporación. Os nacionalistas acusaron ao executivo local “de manter unha liña continuista que manten estancadas ás festas de Ordes”. O edil do goberno, José Luis Gómez Candal, explicou que non estaba xustificada a urxencia da moción “xa que deberá ser unha cuestión que terá que tratar o novo grupo de goberno tralas próximas eleccións municipais”.


Ampliación e reforma da Casa do Concello
A última das mocións do BNG solicitaba que se reorientase o investimento da obra para a ampliación e reforma da Casa do Concello, cuestión que tampouco saiu adiante e á que o edil de Obras e Urbanismo, Roberto González, explicou non era agora o momento, xa que as obras xa están contratadas, hai unha serie de subvencións para elas e non hai oposición dos veciños ao respecto.


Gonzalo Castro argumentou na defensa desta proposta que “o BNG xa ten manifestado en reiteradas ocasións que no momento actual as obras da nova casa do Concello non constituen unha prioridade, e que os recursos que se van destinar á súa execución deberían ser destinados a actuacións para a mellora dos servizos sociais e para a creación de emprego”. Castro lembrou que “os propios veciños de Ordes xa se teñen oposto á reclasificación urbanística dos terreos para a nova casa Consistorial, presentando máis de 150 alegacións que foron rexeitadas polo goberno municipal”. Finalmente a proposta foi rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno e o xa ex popular Díaz Hermida polos a favor do PP e BNG máis o socialista Xesús Pampín.

Finalmente o grupo municipal nacionalista esixiu ao goberno municipal a construcción de todas as pistas que enlazan as concentracións de labradío e de monte en Barbeiros-Vilamaior, así como o arranxo das pistas da concentración de Beán-Pereira, que, a xuizo do concelleiro Ramiro Recouso, “se encontran nun estado lamentábel, sendo o seu arranxo competencia do goberno municipal”.
 
Foto: O xa ex concelleiro popular, José Luis Díaz Hermida durante unha intervención nun pleno municipal de Ordes (arquivo).
 
*