jueves, 27 de mayo de 2010

A estación de Parada contará cun centro de día para discapacitados

.
O anunciou o alcalde Manuel Regos no transcurso da sesión inaugural das xornadas “A Discapacidade Hoxe”

Silvia Marín: "Estas xornadas teñen un dobre obxectivo: formar e informar sobre que é a discapacidade"
Preto dun centenar de persoas encheron esta mañá o auditorio do Museo do Traxe “Juanjo Liñares” de Ordes para participar na segunda edición das xornadas “A Discapacidade Hoxe”, que leva a cabo o Concello de Ordes a través da Oficina Integral da Discapacidade, e nas que colaboran importantes entidades como ADISCORDES, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), a ONCE, COGAMI, FADEMGA e FEAFES Galicia.

O acto inaugural contou coa participación de Manuel Regos e a concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade, Silvia Marín, quen explicou o dobre obxectivo desta segunda edición das xornadas “por un lado informar e por outro formar á xente sobre o que é a discapacidade”. Tanto o alcalde como a concelleira fixeron fincapé no empeño do goberno local ordense para con esta problemática, e mostra delo todas as iniciativas que se levaron a cabo e están postas en marcha no municipio para este colectivo e as súas familias, como foi o curso de habilidades sociais recentemente clausurado que se celebrou durante seis meses en Mesón do Vento e no que participaron máis dunha decena de veciños e veciñas de Ordes con algún tipo de diversidade funcional.
.
Preto de mil discapacitados en Ordes
Regos, aproveitou ademais a ocasión para anunciar un novo proxecto no que está a traballar o equipo de goberno, consistente na instalación dun centro de día para persoas discapacitadas na estación de Parada, que explicou, espera poida ser unha realidade dada a importancia do mesmo e a necesidade ao respecto do municipio, que conta con preto de 1.000 persoas que sufren algún tipo de diversidade funcional.

Tralo acto de inauguración por parte do alcalde e a concelleira, deuse paso ás conferencias programadas para o día de hoxe. Na primeira delas participaron Antonio Morán, presidente de ADISCORDES, que foi o encargado de dar paso a Antonio Bestilleiro, experto en neuroloxía e equinoterapia, e a José Manuel Iglesias Vilas, fabricante de xogos adaptados e experto en etoloxía.

A segunda das conferencias do día correu a cargo de Kizkitza Velasco, membro da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, quen explicou a súa propia experiencia persoal como persoa xorda, e as diferentes dificultades que se encontran, así como explicou as facilidades que se poden encontrar a través da Federación e o seu funcionamento.

Por último tocoulle o turno a Dolores Venancio, presidenta do Consello Territorial da ONCE en Galicia, que falou neste caso doutra diversidade funcional, a falta de visión.

Programa de actos para mañá venres
As II Xornadas “A Discapacidade Hoxe” continuarán mañá venres, tamén no auditorio do Museo do Traxe Juanjo Liñares dende as 10 ás 13 horas, coa celebración doutra serie de charlas.
Neste caso a partir das 10 horas tocaralle o turno a Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, ao que seguirá outra conferencia na que representantes de FADEMGA falarán sobre temas relativos ao emprego de persoas con discapacidades na que tamén participarán tres traballadores da comarca que teñen algún tipo de diversidade funcional.
Pechará as charlas, Jose Ramón Girón, presidente da Federación de Asociacións de familiares e enfermos mentais de Galicia (FEAFES).
As xornadas están abertas a todo o mundo e son gratuítas.
Foto: O alcalde Manuel Regos e a concelleira de Discapacidade, Silvia Marín, inauguran as xornadas no auditorio do Museo Juan Liñares.
*